Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo
Mostrando entradas con la etiqueta Colaboracións en La Comarca del Eo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Colaboracións en La Comarca del Eo. Mostrar todas las entradas

sábado, 13 de febrero de 2016

O galego de Asturias

Nas terras do Eo-Navia, de acordo con toda a romanística e a hispanística, falamos tres variedades do galego oriental: a “taramundesa” —Taramunde, Santiso de Abres, as parroquias veiguesas de Guiar e Abres…—, a “astur-negueiresa” ou “altonaviega” —o resto da Veiga, Castropol, Negueira de Muñiz (Lugo)…— e a “baixonaviega” —El Franco, Boal, Navia…—. Ademais de na parte fronteiriza asturiana e no nordeste de Lugo, o galego oriental tamén se usa no leste de Ourense, e no occidente de León e Zamora.

O río Eo, ó seu paso polo meu Santiso natal.
Existen importantes trazos en común entre o galego oriental e o central: a evolución das terminacións latinas –anu/–ana (“irmao” en vez de “irmán”), o pronome “tu” en lugar de “ti”... O rasgo máis distintivo do galego oriental é a marca do plural –ois; así, dicimos “aviois” no canto de “avións” (galego occidental) ou “aviós” (galego central). A desaparición do ditongo “ei” en formas como “estreto” ou “dereto” sería unha característica das variedades “altonaviega” e “baixonaviega”.

No Eo-Navia, o galego goza de boa saúde, sendo utilizado a miúdo por veciños de todas as xeracións. Porén, no Principado de Asturias, en termos de consideración social, cultural e política, hai un desequilibrio enorme entre o castelán e os dous idiomas naturais. Por unha banda, o galego queda básicamente reducido ó rexistro coloquial; e, por outra banda, o astur-leonés (ou asturiano) ten pouca visibilidade mediática. Paréceme triste que non se aprecie suficientemente a pluralidade lingüística do territorio… Este patrimonio debería ser posto en valor, dende as institucións autonómicas, dun xeito rotundo. Dominar máis dunha lingua axuda a ser tolerante coa diversidade e facilita a aprendizaxe doutros idiomas. Mente e corazón abertos!

Acolléndose á Lei 1/1998 de 23 de marzo, de Uso e Promoción do “Bable/Asturiano” —na que tamén se contempla o “galego-asturiano”, é dicir, o galego oriental ó que eu me refiro—, un concello do Principado pode normalizar a correspondente lingua propia. A lei refírese ó ámbito municipal no seu artigo 8.1: “Os concellos asturianos poderán adoptar as medidas necesarias pra asegurar a efectividade do exercicio dos dereitos lingüísticos que esta Lei outorga ós cidadáns residentes en Asturias”. Nunha situación de diglosia tan acentuada, normalizar o minoritario idioma vernáculo debería ser obrigatorio en todas as administracións locais, por iso penso que a citada lei quédase curta. Habería que ir máis lonxe aínda; é inxusto que o asturiano e o galego non sexan cooficias xunto ó castelán.

Dito o cal, merece a pena celebrar a nova que segue, froito do compromiso coa identidade cultural. A finais de decembro, A Veiga converteuse no primeiro concello eonaviego en regular a utilización do galego de Asturias. A mencionada ordenanza aprobada no último pleno municipal, con seis votos a favor do PSOE e a abstención da forza da oposición, o PP recoñece o dereito da súa veciñanza a empregar a lingua nativa nas mesmas condicións que o castelán. Por tanto, dende entón, os veigueses poden dirixirse á administración local en ambos idiomas; e se utilizan o galego oriental nos seus escritos, teñen dereito a recibir a resposta nestas falas. En definitiva, a normativa sirve pra combater, no ámbito municipal, a discriminación idiomática (un lastre do terror franquista).

Na ordenanza indícase que o concello veigués emitirá, na medida do posible, os seus documentos, resolucións, ordenanzas, regramentos e bandos de xeito bilingüe. Tamén a imaxe institucional anuncios, paneis informativos, folletos, etcétera aparecerá nese formato. Non é algo trivial que un goberno (municipal, autonómico ou estatal) empregue a minoritaria lingua vernácula; ese compromiso político dálle un carácter de prestixio ó galego, ó astur-leonés, ó éuscaro, ó aranés ou ó catalán, como tamén llo dan os medios de comunicación. Son pasos importantes cara á normalización e a dignificación idiomática, pois a exemplaridade dos gobernantes tradúcese en que moitos veciños perden o medo a expresarse na lingua propia nun rexistro formal.

Non entendo as críticas que algúns veciños verteron sobre a nova ordenanza do concello veigués. Esta normativa non obriga a usar o galego, só fomenta o uso do mesmo en calquera ámbito municipal; isto ten un nome: plurilingüismo. En lugar de celebrar esa libertade de elección e a dignificación do seu idioma materno, os críticos cítricos parecen ter medo a que, a partir de agora, en Galicia e noutras partes de Asturias os consideren galegos. Cansa repetir o evidente: as fronteiras lingüísticas non sempre coinciden coas fronteiras administrativas. Temos exemplos próximos: o éuscaro, que tamén é a lingua propia do noroeste de Navarra e do País Vasco francés; ou o catalán, que se fala na franxa de Aragón, en Andorra, no Roselló francés, na Comunidade Valenciana, en Baleares, nun val murciano —El Carxe— e en Alguer (Cerdeña, Italia). O galego, alén de Galicia, emprégase non só na nosa comarca, en León —ata Ponferrada— e en Zamora —ata Calabor—, senón tamén no noroeste de Cáceres (esas falas do Val do Ellas conforman —xunto a unha das zamoranas— o galego meridional; acolá, dependendo da variedade, din “avións” ou “aviós”).

Ningunha lingua merece ser reducida á intimidade ou a un parrafeo de taberna; iso significaría amputar o belísimo concepto de “comunicación”. Quen se avergoña das súas raíces está en proceso de perder a súa identidade… se non a perdeu xa. Lémbrome daquelas declaracións do meu querido Jorge Arbeleche, gran poeta uruguaio: “Os mozos deben aprender outros idiomas; pro a identidade non a trae outra cultura, vén de raíz. Por iso é importante coñecer ben a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa historia”. Deberían tomar nota disto as institucións asturianas.

Na nova ordenanza do concello da Veiga, fálase da “lingua galego-asturiana”. Ben, científicamente, estamos insisto ante tres variedades do galego oriental; e son mínimas as diferenzas entre a forma de falar dun veigués, por exemplo, e a dun mindoniense (galego central setentrional). Dito o cal, sei que o goberno da Veiga cínguese ó marco normativo vixente. Certamente, no Principado de Asturias non existe, a efectos legais, o “galego”, senón o “galego/asturiano” ou “galego-asturiano” (véxase a devandita lei 1/1998 de 23 de marzo). O termo —sen ningunha explicación ó pé— incita á confusión. Por un lado, o signo da barra relaciona dous conceptos, excluíntes ou —como se deduce aquí— alternativos. E, por outro lado, o guión pode dar a entender que estamos ante unha mestura entre a lingua galega e a asturiana. A ambigüedade queda manifesta no artigo 2 da lei, onde se indica que o “galego/asturiano” é “modalidade lingüística propia”, sen aclarar cal é esa lingua. Non recoñecer legalmente que as falas dos eonaviegos son galegas responde a motivos administrativos, políticos, nunca científicos.

Convén recordar que foi o mestre Dámaso Alonso quen estableceu, en 1945, o glotónimo “galego-asturiano”; pro el, a diferenza das institucións asturianas, indicou claramente que o usaba pra referirse ás falas galegas do Eo-Navia. Escribiu Alonso: “Fronte á cortante división administrativa entre Galicia e Asturias, a linguaxe ofrece unha serie de gradacións. (…) Baste hoxe con dicir que a afirmación xa antiga de que o galego chega, dentro de Asturias, ata o río Navia, é xustísima, aínda que, como é sabido, algúns fenómenos tipicamente asturianos penetran ao Oeste desa liña. Estas falas de entre o Navia e o Eo, fundamentalmente galegas, pero con algúns trazos asturianos, desígnoas co nome de galego-asturiano”. Efectivamente, como matizaron os lingüistas Xosé-Henrique Costas e Francisco Fernández Rei nun artigo recente, pra Dámaso Alonso e pra toda a romanística, “galego” é o substantivo (lingüístico); e “asturiano”, o adxectivo (xeográfico).

Neste fragmento dunha entrevista con Soler Serrano pra o programa "A fondo" (TVE), o poeta e filólogo Dámaso Alonso, exdirector da Real Academia Española, fala sobre o galego de Asturias.

Nun rigoroso informe lingüístico publicado en 2007, a Asociación Abertal do Eo-Navia —presidida polo doutor Carlos Aenlle demostra que hai vinte e oito fenómenos diferenciais principais entre o galego e o asturiano. Velaquí algunhas desas isoglosas: a aditongación/ditongación das vocais tónicas latinas (“festa” / “fiesta”); a presenza de ditongos decrecentes (“couto” / “coto”); o vocalismo átono final (“forno” / “fornu”); as formas dos posesivos (“meu”, “teu”, “seu” ou “meu”, “tou”, “sou” / “mió”, “tuyo”, “suyo”); a evolución do grupo latino -LT- (“moito” ou “muito” / “munchu”); a evolución do tamén grupo latino -ORI- (“coiro” / “cueru”); a distinción “che”, “te” / “te”; os resultados do -N- intervocálico (“unha” ou “uha” / “una”); as contraccións dos pronomes (“mo”, “cho”, “llo” / “me lu”, “te lu”, “-y lu”); os pronomes átonos (“o”, “a” / “lo”, “la”, “l'”); os subxuntivos irregulares (“veña”, “vexa” / “venga”, “vea”)…

Din dende Abertal: “Nos fenómenos diverxentes (e identificadores) entre galego e asturiano, as falas do Eo-Navia coinciden coas solucións galegas nunha media dun 86% e coas asturianas só nun 12%”. As proporcións son, pois, ben diferentes… Conclusión: estamos ante unhas variedades do galego, non ante unha lingua de transición entre o galego e o asturiano, en contra do sostido oficialmente pola Academia de la Llingua Asturiana, a cal ten, paradoxalmente, a tutela de dous idiomas.

No galego eonaviego son lóxicas as lixeiras influencias do asturiano; sirvan como exemplos o diminutivo en –in (“pequenín”), a conservación do -L- intervocálico (“calente”) ou a palatización (“llobo”) na variedade “baixonaviega”. Por suposto, tamén o asturiano occidental presenta algún influxo do galego oriental; pensemos nos ditongos “ou” e “ei” (“touro”, “primeiro”).  

Despois destas puntualizacións, felicito ó equipo de goberno da Veiga polo seu compromiso cultural e pola súa valentía. Por certo, antes de entrar na política, xa era grande a concienciación lingüística do concelleiro de cultura, o meu amigo e colaborador Abel Pérez. Resaltemos a súa labor ó fronte de Foxnola, continuación doutro valioso proxecto musical que tamén liderara, Os Folkgazais. A maior parte do repertorio de ambas bandas está cantado no noso idioma materno. 

"Desafío", tema tirado de Alorias (2014), o último disco d'Os Folkgazais. A música é de Abel Pérez; e a letra (escrita na variedade "taramundesa" do galego oriental), dun servidor.

Mil primaveras máis pra o galego, como desexaba Cunqueiro. 

[Artigo meu publicado hoxe en La Comarca del Eo,
semanario ribadense editado polo Grupo El Progreso]