Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo
Mostrando entradas con la etiqueta Eo-Navia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Eo-Navia. Mostrar todas las entradas

martes, 9 de octubre de 2018

José Mediante

QUIZABES MELLOR que dicilo sería cantalo. Chamábase José Antonio Mediante Pereiro, e no noso Santiso de Abres natal (onde exercía de zapateiro) todos o coñecían polo seu primeiro apelido, Mediante. El e a súa muller —Elisa— coidáronme cando era moi cativo, e tratáronme coma un fillo, o fillo que nunca tiveron. Na súa zapatería, Mediante aprendeume a camiñar, do cal se sentía orgulloso. Si, ouvíndolle contar o relato dos meus primeiros pasos, calquera diría que obrara un milagre... O certo é que a moitos dos nosos veciños si lles parecía milagroso que un señor bébedo e impetuoso se volvera, nun repente, manso, vulnerable e tenro fronte a unha criatura descoñecida. 
Nado na aldea da Antigua, Mediante tampouco foi comprendido pola súa labrega familia, nin sequera nos seus últimos días; os tipos pintorescos —xa se sabe— van sendo cada vez menos nesta sociedade ridiculamente uniforme. Certamente, Mediante blasfemaba tanto ou máis que os outros homes santiseiros, pero se lle dicías unha frase amiga, a súa ollada volvíase limpísima, transparente. Imaxino que o ambiente extremadamente machista dun pobo tan afastado das cidades acabou por conferirlle un aspecto áspero, que en realidade cumpría as funcións dun parapeto, pois non coñecín a ningunha persoa máis nobre e xenerosa ca el. O meu amigo era, en fin, coma o toxo, que atravesa luvas e, ó mesmo tempo, acende, no luscofusco, os ollos do camiñante sensible. 

Eu era un pícaro falcatrueiro e ben observador. Foi Mediante quen me salvou da monotonía, quen atizou as miñas ensoñacións. Así, cando íamos ó horto que lle cedera meu avó, alí onde din A Redondela, o zapateiro subíame á súa carretilla, regalándome unha marabillosa viaxe polo campo. O aire enchíase de brancura ó acariñar a miña faciana, a única parte dun servidor que sobresaía dentro do devandito vehículo. Sen saber como expresala, eu tiña a sensación de que desembocabamos nun reino onde o tempo se suspendía; acolá non existían regras ou límites. No tránsito da Redondela á Granda ou a Robaín, a un faltábanlle ollos para retratar os animais (esquíos, donicelas, merlos, tordos, paporrubios, bolboretas…) cos que nos cruzabamos. Nunca un agasallo coma este —penso eu— lle foi feito a un neno.

(Artigo meu publicado en El Progreso de Lugo, 06/10/2018)

jueves, 2 de noviembre de 2017

O meu carteiro

Fino Valea.
Nesta época gobernada pola tiranía da uniformidade, gusto de lembrar á xente máis auténtica que tratei, como Fino Valea, carteiro do noso Santiso de Abres natal (nas terras do Eo-Navia) durante moitos anos. Era un señor nobre, xeneroso e fiel ás súas paixóns. Desprazábase decotío en bicicleta, e facíao do mesmo xeito que falaba: sosegadamente. O seu oficio éralle propicio para cumprir, polo Nadal, os caprichos dos cativos que máis apreciaba, entre os cales eu me contaba; sei —pola súa filla Amparín— que Fino lía con moita atención as nosas cartas dirixidas ós Magos de Oriente: así se explica o seu acerto na elección dos obsequios para perfís infantís tan distintos, cando xa íamos algo grandiños. Cada seis de xaneiro, á mañanciña, o entrañable carteiro repartía eses agasallos, cun saco ás costas, polas nosas casas.

Só unha vez Fino me decepcionou un chisco, e isto dígoo cun sorriso. Debía de ter eu 7 anos, que por aquelas calendas empecei a alimentar a miña afección musical… Resulta que lles pedira ós Reis Magos unha casete coas cancións preferidas de meu, e ata indicara na carta os correspondentes títulos. É comprensible, dende logo, que o carteiro non satisfixese o meu devezo: ningunha discográfica recompilou aínda, nun mesmo volume, a maior parte daqueles temas, pertencentes a xéneros dispares —música latina, rock, baladas…— e a diversas décadas.

Lembro perfectamente unha tarde primaveral na que Fino chamou á emisora local (onde a miña nai exercía de locutora) para solicitar Eres tú, a composición de Juan Carlos Calderón popularizada por Mocedades. Foi aí cando descubrín que o meu amigo era admirador do grupo vasco… Estou a falar da mesma época (mediados dos 90) en que eu lles pedira ás Súas Maxestades de Oriente a utópica casete; e, por certo, non incluíra Eres tú —malia que me gustaba— naquela lista.

Mágoa que xa non poida preguntarlle a Fino —gloria haxa— se recorda os meus desexos musicais infantís; sería un pretexto para devolverlle o agarimo mediante unha fortísima aperta. Imaxino ó lacónico carteiro dicíndome cun sorriso: “Como che ían regalar os Reis Magos unha casete que non contivese a máxica canción de Mocedades? Tería sido pouco serio, ho!”. 
[Publicado en El Progreso de Lugo, Galiciaé e Diario de Pontevedra, 31/10/2017]

viernes, 6 de octubre de 2017

O galego do Eo-Navia

HAI UNHAS semanas, nun coloquio ribadense organizado pola agrupación Francisco Lanza, o poeta boalés Quique de Roxíos e eu queixámonos do desprotexido que se atopa en Asturias o galego, lingua natural do Eo-Navia, a nosa comarca. Existe a Lei 1/1998 de 23 de marzo, a través da cal un concello pode permitirlle á veciñanza empregar o correspondente idioma propio (o galego —oficialmente, «gallego-asturiano»— ou o asturiano) en igualdade de condicións co castelán; pero, para gozarmos dun dereito tan esencial, os falantes dependemos, xaora, do compromiso lingüístico das nosas autoridades, o cal no Eo-Navia é baixísimo: ata agora só A Veiga regulou a utilización do galego. Dende que o Principado lle outorgou á Academia de la Llingua Asturiana as competencias sobre o idioma eonaviego, asistimos á seguinte situación ridícula, única no mundo: unha academia tutela dúas linguas, a súa e outra veciña; isto tradúcese na transculturización, pois a ALLA sostén que as falas da nosa bisbarra son unha mestura de trazos do galego e do asturiano, negando así algo recoñecido por toda a romanística e a hispanística: estamos ante unha serie de variantes do galego oriental. No ensino do Eo-Navia, queda patente a condición subalterna do noso idioma, que só ten presenza —deturpado— nalgúns centros, mentres que noutros ocupa o seu lugar o asturiano normativo, tamén como materia optativa. É vergoñoso que os cativos de Santiso (o meu pobo) non teñan a obriga de estudar a lingua vernácula —moi ligada á identidade—, ó contrario do que sucede nas escolas dos concellos lucenses limítrofes, Trabada e A Pontenova. Nunha Asturias orgullosa do patrimonio de seu, o asturiano e o galego serían cooficiais nos territorios onde se falan; e quen mellor que a RAG, seguindo os modelos do catalán nas Baleares e do éuscaro en Navarra, para tutelar a lingua autóctona do Eo-Navia? Isto semella hoxe unha utopía, pois as institucións do Principado aínda están na pueril fase de confundir as fronteiras administrativas coas lingüísticas. O galego ten que lucir un traxe que resalte as súas sinuosas formas, a súa tersura, pero algúns (cheos de prexuízos) vísteno de espantallo.


[Publicado en El Progreso de Lugo, Diario de Pontevedra e Galiciaé, 4/9/2017]

sábado, 3 de junio de 2017

Paco de Robaín

[Artigo meu publicado onte en El Progreso de Lugo]

O que amas permanece,
o demais é lixo.
(Ezra Pound)

        O santiseiro Paco de Robaín (meu avó materno) era agricultor, gandeiro e albeite vocacional. Curaba eficazmente, sen ánimo de lucro, as principais fracturas do gando —e, por extensión, dos veciños— mediante o entalizado, é dicir, embutindo a extremidade lesionada entre dúas táboas. Robaín, que tamén era hábil corrixindo os espiñazos, tomou nota das leccións do seu avó e da súa nai, e foi un paso máis aló axudando o sepultureiro da parroquia a exhumar cadáveres; esas experiencias permitíronlle coñecer ben as unións dos ósos. Ó morrer meu avó, languidece unha filosofía en contacto pleno coa natureza, na que non teñen lugar a usura e o egocentrismo, as maiores pragas do noso tempo. A xenerosidade de Paco non se limitaba ás colaboracións como curandeiro; case lle parecía mal que alguén marchase do seu casarío sen probar os chourizos ou o licor de guindas elaborados por el e pola miña avoa.
Paco de Robaín.


        Sendo ben distintos en moitos aspectos, o avó Paco implicábase tanto na miña travesía, que, cando estudaba en Madrid, ata chamaba por teléfono ó meu mellor amigo, o economista Muñoz Puigcerver, con quen compartía teito; bastáralle ver dúas veces a este mozo catalán para collerlle cariño. Sirva como homenaxe a Paco de Robaín —grande no meu corazón— o seguinte poema do trinque: “Nunca saíches do pobo,/ nunca tiveches a cobiza/ de coñecer mundo,/ mais fuches dono dun mundo/ ó que nunca terá acceso/ a caterva de modernos./ Nunca.// Ti ensináchesme/ o que ninguén me ensinara:/ os pulos do monte Sartán,/ o camiño a Trasdacorda,/ o vello carballo da Granda…/ Ti ensináchesme a botar en falta/ ós que aínda non emigraron./ Ti ensináchesme a dicir/ a i-auga, a i-alma, e xamais/ esquecerei de que maneira:/ co merlo na mirada.// Avó, fagamos un pacto/ —xa é hora de podar/ o alpendre do inverno—;/ avó, se ti soñas comigo/ e eu soño contigo,/ hemos de atoparnos/ no mesmo soño:/ ti falando/ de aceites esenciais/ e asistindo á miña festa/ de bicos e brincas…// E cando alguén me pregunte/ onde queda Robaín,/ direille que se lle dá a volta ó mapa,/ atopará o casarío/ no centro do mundo”.
O casarío de Robaín (en Santiso de Abres), onde servidor se criou.

sábado, 13 de febrero de 2016

O galego de Asturias

Nas terras do Eo-Navia, de acordo con toda a romanística e a hispanística, falamos tres variedades do galego oriental: a “taramundesa” —Taramunde, Santiso de Abres, as parroquias veiguesas de Guiar e Abres…—, a “astur-negueiresa” ou “altonaviega” —o resto da Veiga, Castropol, Negueira de Muñiz (Lugo)…— e a “baixonaviega” —El Franco, Boal, Navia…—. Ademais de na parte fronteiriza asturiana e no nordeste de Lugo, o galego oriental tamén se usa no leste de Ourense, e no occidente de León e Zamora.

O río Eo, ó seu paso polo meu Santiso natal.
Existen importantes trazos en común entre o galego oriental e o central: a evolución das terminacións latinas –anu/–ana (“irmao” en vez de “irmán”), o pronome “tu” en lugar de “ti”... O rasgo máis distintivo do galego oriental é a marca do plural –ois; así, dicimos “aviois” no canto de “avións” (galego occidental) ou “aviós” (galego central). A desaparición do ditongo “ei” en formas como “estreto” ou “dereto” sería unha característica das variedades “altonaviega” e “baixonaviega”.

No Eo-Navia, o galego goza de boa saúde, sendo utilizado a miúdo por veciños de todas as xeracións. Porén, no Principado de Asturias, en termos de consideración social, cultural e política, hai un desequilibrio enorme entre o castelán e os dous idiomas naturais. Por unha banda, o galego queda básicamente reducido ó rexistro coloquial; e, por outra banda, o astur-leonés (ou asturiano) ten pouca visibilidade mediática. Paréceme triste que non se aprecie suficientemente a pluralidade lingüística do territorio… Este patrimonio debería ser posto en valor, dende as institucións autonómicas, dun xeito rotundo. Dominar máis dunha lingua axuda a ser tolerante coa diversidade e facilita a aprendizaxe doutros idiomas. Mente e corazón abertos!

Acolléndose á Lei 1/1998 de 23 de marzo, de Uso e Promoción do “Bable/Asturiano” —na que tamén se contempla o “galego-asturiano”, é dicir, o galego oriental ó que eu me refiro—, un concello do Principado pode normalizar a correspondente lingua propia. A lei refírese ó ámbito municipal no seu artigo 8.1: “Os concellos asturianos poderán adoptar as medidas necesarias pra asegurar a efectividade do exercicio dos dereitos lingüísticos que esta Lei outorga ós cidadáns residentes en Asturias”. Nunha situación de diglosia tan acentuada, normalizar o minoritario idioma vernáculo debería ser obrigatorio en todas as administracións locais, por iso penso que a citada lei quédase curta. Habería que ir máis lonxe aínda; é inxusto que o asturiano e o galego non sexan cooficias xunto ó castelán.

Dito o cal, merece a pena celebrar a nova que segue, froito do compromiso coa identidade cultural. A finais de decembro, A Veiga converteuse no primeiro concello eonaviego en regular a utilización do galego de Asturias. A mencionada ordenanza —aprobada no último pleno municipal, con seis votos a favor do PSOE e a abstención da forza da oposición, o PP— recoñece o dereito da súa veciñanza a empregar a lingua nativa nas mesmas condicións que o castelán. Por tanto, dende entón, os veigueses poden dirixirse á administración local en ambos idiomas; e se utilizan o galego oriental nos seus escritos, teñen dereito a recibir a resposta nestas falas. En definitiva, a normativa sirve pra combater, no ámbito municipal, a discriminación idiomática (un lastre do terror franquista).

Na ordenanza indícase que o concello veigués emitirá, na medida do posible, os seus documentos, resolucións, ordenanzas, regramentos e bandos de xeito bilingüe. Tamén a imaxe institucional —anuncios, paneis informativos, folletos, etcétera— aparecerá nese formato. Non é algo trivial que un goberno (municipal, autonómico ou estatal) empregue a minoritaria lingua vernácula; ese compromiso político dálle un carácter de prestixio ó galego, ó astur-leonés, ó éuscaro, ó aranés ou ó catalán, como tamén llo dan os medios de comunicación. Son pasos importantes cara á normalización e a dignificación idiomática, pois a exemplaridade dos gobernantes tradúcese en que moitos veciños perden o medo a expresarse na lingua propia nun rexistro formal.

Non entendo as críticas que algúns veciños verteron sobre a nova ordenanza do concello veigués. Esta normativa non obriga a usar o galego, só fomenta o uso do mesmo en calquera ámbito municipal; isto ten un nome: plurilingüismo. En lugar de celebrar esa libertade de elección e a dignificación do seu idioma materno, os críticos cítricos parecen ter medo a que, a partir de agora, en Galicia e noutras partes de Asturias os consideren galegos. Cansa repetir o evidente: as fronteiras lingüísticas non sempre coinciden coas fronteiras administrativas. Temos exemplos próximos: o éuscaro, que tamén é a lingua propia do noroeste de Navarra e do País Vasco francés; ou o catalán, que se fala na franxa de Aragón, en Andorra, no Roselló francés, na Comunidade Valenciana, en Baleares, nun val murciano —El Carxe— e en Alguer (Cerdeña, Italia). O galego, alén de Galicia, emprégase non só na nosa comarca, en León —ata Ponferrada— e en Zamora —ata Calabor—, senón tamén no noroeste de Cáceres (esas falas do Val do Ellas conforman —xunto a unha das zamoranas— o galego meridional; acolá, dependendo da variedade, din “avións” ou “aviós”).

Ningunha lingua merece ser reducida á intimidade ou a un parrafeo de taberna; iso significaría amputar o belísimo concepto de “comunicación”. Quen se avergoña das súas raíces está en proceso de perder a súa identidade… se non a perdeu xa. Lémbrome daquelas declaracións do meu querido Jorge Arbeleche, gran poeta uruguaio: “Os mozos deben aprender outros idiomas; pro a identidade non a trae outra cultura, vén de raíz. Por iso é importante coñecer ben a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa historia”. Deberían tomar nota disto as institucións asturianas.

Na nova ordenanza do concello da Veiga, fálase da “lingua galego-asturiana”. Ben, científicamente, estamos —insisto— ante tres variedades do galego oriental; e son mínimas as diferenzas entre a forma de falar dun veigués, por exemplo, e a dun mindoniense (galego central setentrional). Dito o cal, sei que o goberno da Veiga cínguese ó marco normativo vixente. Certamente, no Principado de Asturias non existe, a efectos legais, o “galego”, senón o “galego/asturiano” ou “galego-asturiano” (véxase a devandita lei 1/1998 de 23 de marzo). O termo —sen ningunha explicación ó pé— incita á confusión. Por un lado, o signo da barra relaciona dous conceptos, excluíntes ou —como se deduce aquí— alternativos. E, por outro lado, o guión pode dar a entender que estamos ante unha mestura entre a lingua galega e a asturiana. A ambigüedade queda manifesta no artigo 2 da lei, onde se indica que o “galego/asturiano” é “modalidade lingüística propia”, sen aclarar cal é esa lingua. Non recoñecer legalmente que as falas dos eonaviegos son galegas responde a motivos administrativos, políticos, nunca científicos.

Convén recordar que foi o mestre Dámaso Alonso quen estableceu, en 1945, o glotónimo “galego-asturiano”; pro el, a diferenza das institucións asturianas, indicou claramente que o usaba pra referirse ás falas galegas do Eo-Navia. Escribiu Alonso: “Fronte á cortante división administrativa entre Galicia e Asturias, a linguaxe ofrece unha serie de gradacións. (…) Baste hoxe con dicir que a afirmación xa antiga de que o galego chega, dentro de Asturias, ata o río Navia, é xustísima, aínda que, como é sabido, algúns fenómenos tipicamente asturianos penetran ao Oeste desa liña. Estas falas de entre o Navia e o Eo, fundamentalmente galegas, pero con algúns trazos asturianos, desígnoas co nome de galego-asturiano”. Efectivamente, como matizaron os lingüistas Xosé-Henrique Costas e Francisco Fernández Rei nun artigo recente, pra Dámaso Alonso —e pra toda a romanística—, “galego” é o substantivo (lingüístico); e “asturiano”, o adxectivo (xeográfico).

Neste fragmento dunha entrevista con Soler Serrano pra o programa "A fondo" (TVE), o poeta e filólogo Dámaso Alonso, exdirector da Real Academia Española, fala sobre o galego de Asturias.

Nun rigoroso informe lingüístico publicado en 2007, a Asociación Abertal do Eo-Navia —presidida polo doutor Carlos Aenlle— demostra que hai vinte e oito fenómenos diferenciais principais entre o galego e o asturiano. Velaquí algunhas desas isoglosas: a aditongación/ditongación das vocais tónicas latinas (“festa” / “fiesta”); a presenza de ditongos decrecentes (“couto” / “coto”); o vocalismo átono final (“forno” / “fornu”); as formas dos posesivos (“meu”, “teu”, “seu” ou “meu”, “tou”, “sou” / “mió”, “tuyo”, “suyo”); a evolución do grupo latino -LT- (“moito” ou “muito” / “munchu”); a evolución do tamén grupo latino -ORI- (“coiro” / “cueru”); a distinción “che”, “te” / “te”; os resultados do -N- intervocálico (“unha” ou “uha” / “una”); as contraccións dos pronomes (“mo”, “cho”, “llo” / “me lu”, “te lu”, “-y lu”); os pronomes átonos (“o”, “a” / “lo”, “la”, “l'”); os subxuntivos irregulares (“veña”, “vexa” / “venga”, “vea”)…

Din dende Abertal: “Nos fenómenos diverxentes (e identificadores) entre galego e asturiano, as falas do Eo-Navia coinciden coas solucións galegas nunha media dun 86% e coas asturianas só nun 12%”. As proporcións son, pois, ben diferentes… Conclusión: estamos ante unhas variedades do galego, non ante unha lingua de transición entre o galego e o asturiano, en contra do sostido oficialmente pola Academia de la Llingua Asturiana, a cal ten, paradoxalmente, a tutela de dous idiomas.

No galego eonaviego son lóxicas as lixeiras influencias do asturiano; sirvan como exemplos o diminutivo en –in (“pequenín”), a conservación do -L- intervocálico (“calente”) ou a palatización (“llobo”) na variedade “baixonaviega”. Por suposto, tamén o asturiano occidental presenta algún influxo do galego oriental; pensemos nos ditongos “ou” e “ei” (“touro”, “primeiro”).  

Despois destas puntualizacións, felicito ó equipo de goberno da Veiga polo seu compromiso cultural e pola súa valentía. Por certo, antes de entrar na política, xa era grande a concienciación lingüística do concelleiro de cultura, o meu amigo e colaborador Abel Pérez. Resaltemos a súa labor ó fronte de Foxnola, continuación doutro valioso proxecto musical que tamén liderara, Os Folkgazais. A maior parte do repertorio de ambas bandas está cantado no noso idioma materno. 

"Desafío", tema tirado de Alorias (2014), o último disco d'Os Folkgazais. A música é de Abel Pérez; e a letra (escrita na variedade "taramundesa" do galego oriental), dun servidor.

Mil primaveras máis pra o galego, como desexaba Cunqueiro. 

[Artigo meu publicado hoxe en La Comarca del Eo,
semanario ribadense editado polo Grupo El Progreso]

viernes, 31 de octubre de 2014

O galego oriental

O programa "Ben falado!" (TVG) emitiu esta pequena e acertada reportaxe sobre o galego que falamos no Eo-Navia: 


O galego —coas súas variantes— ten a encantadora harmonía da i-auga dun rego.

martes, 14 de octubre de 2014

Jaureguizar escribe sobre Os Folkgazais e sobre o meu "Desafío"

O mestre Jaureguizar escribiu o pasado sábado, en El Progreso de Lugo, sobre Os Folkgazais e sobre o poema meu musicado por este conxunto. Hónranme as palabras do escritor e xornalista ribadense: 

«Manuel Rivas interveu na Bienal para facer súa a reclamación de Nélida Piñón sobre necesidade de coraxe para ser autor. Eu, por coraxe, entendo a definición de Héctor Acebo en Desafío: "Ninguén deles sería capaz de levar/ coma meu abolo, os mesmos calzois/ de lunes a domingo". (…) Hai propostas que facilitan ser cliente da cultura. Non penso soamente en Voadora, tamén en iniciativas coma a banda Folkgazais. O conxunto de Vegadeo (Asturias) recupera a música das orquestinas e revive o galego que se fala en ambas as beiras do Eo. Folkgazais canta, entre outros, o Desafío, de Héctor Acebo, con esoutro verso: “Quéixanse os críticos cítricos/ porque abuso do grao superlativo”. Iso é o que precisa a cultura galega: grao superlativo a esgalla.» 


Dende aquí pódese ler o artigo completo de Jaureguizar, que se titula precisamente "Uns calzóns que se poñen de luns a domingo" e que é unha visión da saúde da cultura galega actual.

Grazas, querido e admirado Jaureguizar, por escoitar con tanta sensibilidade o traballo d'Os Folkgazais e dun servidor. As túas verbas son o impulso pra continuar o sinuoso camiño dos soños. Ti, en gran parte, es culpable de que eu goce tanto explorando as posibilidades expresivas (que son moitas) do galego. O cadencioso galego...

Xunto a Santiago Jaureguizar. Imaxe feita en Lugo o inverno pasado.