Como poeta, débolles
moito ós cantautores que escoitei na infancia. Foron a miña primeira escola na arte de inxectarlles ritmo ás verbas.
Con aqueles referentes, comecei a escribir cancionciñas ós 10 anos. Tiña unhas
nocións de piano, pro case sempre utilizaba a voz pra compoñer as melodías. Xa
na adolescencia, as letras de Sabina conducíronme á lírica de César Vallejo e Neruda;
tras esas revelacións, foron xurdindo os meus primeiros balbucidos poemáticos. No último ámbito sentinme
máis a gusto.
Manolo Tena, na praza de touros de Las Ventas (Madrid), o 7 de setembro de 1993. |
Recentemente morreu Manolo Tena, un dos cantautores
rockeiros da miña nenez. Cando coñecín a nova, véuseme á memoria o intre no que
un curmán me deixou —alá polo 99— a
casete de Sangre española, o maior éxito do estremeño. Tena era un letrista
de métrica axustadísima e un intérprete especial. A súa resgada voz revelaba —igual cós seus oxímoros— a un home en desaxuste coa realidade.
No documental Manolo Tena: Un extraño en el paraíso, o protagonista desvelou que a
belísima peza “Quiero beber y no olvidar” (letra súa con melodía de Pancho Varona) contén un eco vallejiano. O poeta peruano dicía: “Quiero escribir, pero
me sale espuma”, e Tena cantaba: “Quiero ser mar; sólo consigo espuma. / Quiero
avanzar; sólo consigo espuma”. Este exemplo demostra a relación carnal que o
rockeiro tiña coas palabras. Dende logo, era asombrosa a potencia da súa
expresión sensorial.
Entre febreiro e marzo, gocei seguindo as interpretacións
de Tena en “A mi manera”, programa de La Sexta. Cando acabou a tempada,
decidín que esta mesma primavera lle propoñería ó músico unha entrevista
periodística. Quizabes houbéramos dedicado parte da conversa ó binomio
poema-canción...
O fundador de Cucharada e Alarma!!! foise agora que
precisamente eu —como moitos
outros— estaba
redescubrindo a súa música. É tan estraño todo…! Sen coñecelo en persoa, sínteste
en sintonía cun mestre que xa está facendo as maletas. E o que queda en ti é un
baleiro que nunca foi enchido, como cando te rexeitou por WhatsApp aquela
rapaza á que esperabas bicar nunha cita próxima.
[Artigo meu publicado hoxe no xornal lucense El Progreso (edición da Mariña)]
No hay comentarios:
Publicar un comentario