Fino Valea. |
Só unha vez Fino me
decepcionou un chisco, e isto dígoo cun sorriso. Debía de ter eu 7 anos, que
por aquelas calendas empecei a alimentar a miña afección musical… Resulta que
lles pedira ós Reis Magos unha casete coas cancións preferidas de meu, e ata indicara
na carta os correspondentes títulos. É comprensible, dende logo, que o carteiro
non satisfixese o meu devezo: ningunha discográfica recompilou aínda, nun mesmo
volume, a maior parte daqueles temas, pertencentes a xéneros dispares —música
latina, rock, baladas…— e a diversas décadas.
Lembro perfectamente unha tarde primaveral na que Fino chamou á
emisora local (onde a miña nai exercía de locutora) para solicitar Eres
tú, a composición de Juan Carlos Calderón popularizada por Mocedades.
Foi aí cando descubrín que o meu amigo era admirador do grupo vasco… Estou a
falar da mesma época (mediados dos 90) en que eu lles pedira ás Súas Maxestades
de Oriente a utópica casete; e, por certo, non incluíra Eres tú —malia
que me gustaba— naquela lista.
Mágoa que xa non poida preguntarlle a Fino —gloria haxa— se
recorda os meus desexos musicais infantís; sería un pretexto para devolverlle o
agarimo mediante unha fortísima aperta. Imaxino ó lacónico carteiro dicíndome
cun sorriso: “Como
che ían regalar os Reis Magos unha casete que non contivese a máxica canción de
Mocedades? Tería sido pouco serio, ho!”.
[Publicado en El Progreso de Lugo, Galiciaé e Diario de Pontevedra, 31/10/2017]
No hay comentarios:
Publicar un comentario