Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo
Mostrando entradas con la etiqueta Tamara Andrés. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Tamara Andrés. Mostrar todas las entradas

martes, 12 de febrero de 2019

Carta a Míriam Ferradáns


QUERIDA MÍRIAM: O pasado verán, cando ti e mais eu aínda non nos coñeciamos, Tamara Andrés falárame magnificamente, en Pontevedra, de ‘Nomes de fume’. Abofé que a nosa amiga acertou coa recomendación, pois ese poemario teu paréceme conciso, valente e moi potente: vaian por diante os meus parabéns.

Con Dores Tembrás como excelente guía, cheguei ata a casa familiar (o “lugar escuro”) do teu ‘eu’ poético, que me involucrou nun vibrante tributo á memoria; así, imaxinei, por exemplo, como sería “morrer perforado polo pau dunha ervella”. Precisamente nese intre estremecinme e collín da man á cantora. Ela aloumiñoume decontado; lóxico en alguén que alberga moita tenrura e que reivindica o tacto como método para achegarse plenamente á realidade (e mesmo á memoria). Así mesmo, neste espiñoso pero necesario ritual, loitei contra a mediocridade da institución familiar clásica. Porque a “tribo” xeralmente tenta esquecer as perdas para evitar o sofrimento, traizoando tanto agarimo recibido e erixindo —sobre a base do tabú— un ambiente asfixiante. Pero o teu suxeito lírico non cansa de pronunciar un “nome de fume e pedra”; cunha cantora tan leal —e rebelde— na familia, a referida persoa morta sempre estará a salvo.



Míriam, posúes esa gran intuición que é inherente a todo poeta xenuíno (tirando do fío, ‘vate’ comparte etimoloxía con ‘vaticinar’). A dita ollada reflíctese —con alcance telúrico— no tratamento dos paus das ervellas ou neste belísimo micropoema: “As mulleres de negro ofrecen o seu corpo á terra / é o xeito escollido para defenderse do infortunio / entregándose a el definitivamente”. 


En ‘Nomes de fume’, a litúrxica meditación adopta —mediante o diálogo— unha fasquía polifónica; e, nese senso, quixera salientar o teu excelente emprego do ton interrogativo, que me lembra ó de Pizarnik e que destila moita sinceridade: “Temos prohibido o tacto: // Sabes ti a diferenza entre corazón e peito?”. Velaquí un fraseo duro en aparencia, mais lene por dentro, coma algunhas froitas. Hai máis exemplos deste tipo no teu libro; o dominio da dicción permite acadar conquistas tan trascendentes.

Isto é todo por hoxe, Míriam. Querías saber as miñas impresións —que honra!— tras a lectura do teu debut editorial, e decidín enviarche esta carta, seguindo o costume dos nosos referentes inmarcesibles. Agardo que nos vexamos pronto no teu Bon nativo ou en Lugo. Pedireiche que me dediques o fermoso libro… E se nos entra a fame durante a conversa, podemos comer unhas galletiñas ‘Dinosaurus’ (eu tamén devezo por elas, e o binomio poesía/nenez é moi vizoso). Mándoche unha aperta fonda. Héctor. 


P.D.: Se ves á marabillosa Tamara, dálle recordos da miña parte. 


(Publicado en El Progreso de Lugo, Diario de Pontevedra e Galiciaé, 12/02/2018.)

jueves, 7 de diciembre de 2017

Tamara de Antioquía


Este sábado presentarei o último poemario de Tamara Andrés, 'Corpo de Antiochia' (Galaxia), en Lugo. O acto, organizado polo Clube Cultural Valle-Inclán, terá lugar na libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) a partir das 12 da mañá. Reproduzo un artigo meu que versa precisamente sobre Tamara e mais o seu libro e que se publicou en 'El Progreso' e 'Diario de Pontevedra' 0 21 de novembro:


RELEO ESTA nota que escribín o ano pasado: “Jean Seberg, Anna Karina, Jeanne Moreau e Claude Jade, coas súas correspondentes personaxes cinematográficas —semellantes a elas— para Godard ou Truffaut. Case sería inxusto afirmar que as rapazas da Nouvelle Vague son doutra época, malia que se enmarquen nos 60; hoxe, coa frivolidade e a usura imperantes, diría que esas criaturas tan apaixonadas son doutra dimensión”. Así de grande é a distancia, pensaba eu, sabedor, iso si, de que en Occidente aínda queda unha minoría —falo tanto de mulleres como de homes— que valora a combinación de delicadeza e rebeldía, unha das peculiaridades da citada corrente cinematográfica. Pois ben, entre esa minoría exquisita atópase a miña amiga xeracional Tamara Andrés. Nunha ocasión, tras ler un poema de meu, a escritora combarrense díxome esta sutileza: “Cada vez que pronuncias un nome de muller, vexo unha musa de Truffaut”. E eu téñolle comentado a Tamara que ela é a última moza da Nouvelle Vague…





Galaxia vén de publicar —na colección Dombate— o segundo poemario en solitario de Tamara Andrés, Corpo de Antiochia, un océano de beleza crítica e introspectiva. Aquí a autora das Rías Baixas construíu múltiples significados dende unha expresión concisa, chegando así á medula da lírica. Como dixen no limiar do libro, Antioquía non só é contexto, senón tamén símbolo ideal da devastación (e da reconstrucción) emocional; lembremos que, ó longo da Historia, a cidade turca —esplendorosa no mundo grecolatino— rexurdiu en diversas ocasións, vítima dos terremotos e mesmo de terribles asedios. 

Tamara Andrés non é a protagonista do seu libro, mais, como sempre ocorre na lírica xenuína, a personaxe contén abondos trazos da persoa creadora: é por iso (tamén polas melodiosas aliteracións) que denominei Tamara de Antioquía, no prólogo, ó ‘eu’ poético. Ambas mozas son lizgairas, tenras, valentes, sensoriais…, e reconcilian a pureza coa memoria. Sempre as verei dispostas para o amor na antiga Antioquía, no París dos 60 ou —como lenitivo— nesta sociedade embrutecida.