A portada da nova antoloxía do poeta Claudio Rodríguez Fer. |
Santiago de Compostela acollerá este xoves a presentación de Amores sen morte / Deathless
Loves, antoloxía bilingüe galego-inglés da poesía do lucense Claudio Rodríguez Fer. O acto terá lugar, a partir das 8 da tarde, na Librería
Follas Novas (Montero Ríos, 37).
Amores sen morte / Deathless Loves é unha edición
preparada e introducida pola profesora neoiorquina Diana Conchado, que reúne
versións ao inglés feitas por diversos poetas, profesores e tradutores
británicos e estadounidenses. A obra, que contén un poema visual do propio Rodríguez Fer na cuberta, foi recentemente publicada por Edicións Follas Novas. Esta editorial incluíu a antoloxía na súa pulcra e primorosa colección "Os Libros do Loureiro".
Ademais do propio autor, que recitará algúns dos poemas seleccionados, intervirán
no acto santiagués o catedrático e crítico Luís
Alonso Girgado, coordinador da colección; o crítico, profesor e tradutor ao
galego Armando Requeixo, quen
presentará a obra; e os profesores de Literatura Inglesa Contemporánea da
Universidade de Santiago de Compostela Laura
Lojo (especialista en Virginia Woolf e estudos de xénero) e Jorge Sacido Romero (especialista en
narrativa anglófona, tradución e interculturalidade), que lerán os textos en
inglés.
Amores sen morte / Deathless Loves recolle todas
as épocas da traxectoria de Rodríguez Fer (dende o primeiro poemario xuvenil Poemas de amor sen morte a composicións inéditas
en libro) e os principais lugares da vida do autor (Galicia, Nova York e os
países celtas) a través de cinco seccións respectivamente tituladas "Amantes
/ Lovers", "Micropoemas / Micropoems", "Lugo blues",
"New York Jazz" e "Camiños celtas / Celtic roads". O libro foi presentado por primeira vez o pasado 28 de outubro en Estados Unidos, concretamente no Hunter College da City University of New York. No acto participaron o autor, a editora e o tradutor Clifford Irizarry.
Claudio Rodríguez Fer, ante o Queensborough Bridge, en Nova York. |
Rodríguez Fer, profesor visitante na City University of New York dende
1992 e conferenciante en Nova York en reiteradas ocasións, presentou así mesmo
en dita cidade nos últimos anos os poemarios bilingües galego-inglés Tigres de ternura / Tender Tigers, no
Graduate Center da CUNY, e Revolución
rosaliana en Nova York / Rosalia’s Revolution in New York, na Spanish
Benevolent Society, ambas obras traducidas pola galicianista norteamericana
Kathleen N. March. De feito, varias das súas creacións ambientáronse en Nova
York, como o poemario A unha muller
descoñecida, do que aparece unha mostra en Amores sen morte / Deathless
Loves, ou os contos “A muller loba” e “A fera fráxil”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario