Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo
Mostrando entradas con la etiqueta Tradución. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Tradución. Mostrar todas las entradas

domingo, 13 de diciembre de 2015

Claudio Rodríguez Fer presentará a súa versión galega da poesía de Emily Dickinson

LA MADRIGUERA, Taller e Galería de Arte e Creación (Galerías da Praza Maior 27, Lugo), especializado en obra gráfica, encadernación e libros e obxectos de autor, organizará este martes, ás 8 da tarde, un acto de presentación do libro feito a man Musgo / Moss, composto por poemas en inglés da poetisa estadounidense Emily Dickinson, introducidos e traducidos ao galego polo poeta lucense Claudio Rodríguez Fer, con deseño e acuarela da artista lucense Sara Lamas.

O poeta Claudio Rodríguez Fer, en Nova York, ante o East River.


Intervirán no acto as responsables de LA MADRIGUERA, Silvia Vilar Arias e a propia Sara Lamas, así como o introdutor e tradutor da obra, Claudio Rodríguez Fer, que recitará en galego, e a profesora norteamericana JoDee Anderson, quen recitará en inglés.

Emily Dickinson levou unha vida recluída, primeiro na súa aldea natal e finalmente no seu propio cuarto, durante boa parte do século XIX. Mantivo inédita practicamente toda a súa poesía, que non se deu a coñecer ata despois da súa morte, mais no século XX foi recoñecida como a principal poeta dos Estados Unidos de América. As súas relacións amorosas permaneceron incógnitas, así como o sentido do seu costume de vestir sempre de branco nos últimos anos da súa existencia.

A poetisa romántica Emily Dickinson.
Claudio Rodríguez Fer leu dende a súa mocidade con moito interese a Emily Dickinson, con quen se identifica xa no seu libro Historia da lúa. Comezou a traducila nos primeiros anos noventa, sendo profesor na Universidade da Cidade de Nova York, polo que un verso dela abriu o seu libro A unha muller descoñecida, alí escrito en boa parte. A constante intervención do poeta en actos e recitais en Nova York, onde presentou este outono a antoloxía bilingüe Amores sen morte / Deathless Loves, motivou finalmente que ultimara esta selección en homenaxe á gran poeta romántica, moitas veces equiparada a Rosalía de Castro.

JoDee Anderson, filóloga natural de Kansas, é profesora de Inglés na Facultade de Humanidades de Lugo, da que foi vicedecana e na que realizou un gran labor dende hai décadas.

A artista lucense Sara Lamas cultivou a pintura, o debuxo, o gravado, a artesanía e o deseño, e a súa obra ten sido reproducida nun gran número de publicacións de moi diversos lugares. En colaboración con Silvia Vilar Arias ten unha longa, frutífera e recoñecida traxectoria na ensinanza do debuxo e da pintura e na realización de obra gráfica, de encadernación artesá e de libros e obxectos de arte en Lugo.