LA MADRIGUERA, Taller e Galería de Arte e Creación (Galerías da Praza
Maior 27, Lugo), especializado en obra gráfica, encadernación e libros e
obxectos de autor, organizará este martes, ás 8 da tarde, un acto de
presentación do libro feito a man Musgo /
Moss, composto por poemas en inglés da poetisa estadounidense Emily Dickinson, introducidos e traducidos ao galego polo poeta lucense Claudio Rodríguez Fer, con deseño e acuarela da artista lucense Sara Lamas.
O poeta Claudio Rodríguez Fer, en Nova York, ante o East River. |
Intervirán no acto as responsables de LA MADRIGUERA, Silvia Vilar Arias
e a propia Sara Lamas, así como o introdutor e tradutor da obra, Claudio
Rodríguez Fer, que recitará en galego, e a profesora norteamericana JoDee
Anderson, quen recitará en inglés.
Emily Dickinson levou unha vida recluída, primeiro na súa aldea natal e
finalmente no seu propio cuarto, durante boa parte do século XIX. Mantivo
inédita practicamente toda a súa poesía, que non se deu a coñecer ata despois
da súa morte, mais no século XX foi recoñecida como a principal poeta dos
Estados Unidos de América. As súas relacións amorosas permaneceron incógnitas,
así como o sentido do seu costume de vestir sempre de branco nos últimos anos
da súa existencia.
A poetisa romántica Emily Dickinson. |
Claudio Rodríguez Fer leu dende a súa mocidade con moito interese a
Emily Dickinson, con quen se identifica xa no seu libro Historia da lúa. Comezou a traducila nos primeiros anos noventa,
sendo profesor na Universidade da Cidade de Nova York, polo que un verso dela
abriu o seu libro A unha muller
descoñecida, alí escrito en boa parte. A constante intervención do poeta en
actos e recitais en Nova York, onde presentou este outono a antoloxía bilingüe Amores sen morte / Deathless Loves,
motivou finalmente que ultimara esta selección en homenaxe á gran poeta
romántica, moitas veces equiparada a Rosalía de Castro.
JoDee Anderson, filóloga natural de Kansas, é profesora de Inglés na
Facultade de Humanidades de Lugo, da que foi vicedecana e na que realizou un
gran labor dende
hai décadas.
A artista lucense Sara Lamas cultivou a pintura, o debuxo, o gravado, a
artesanía e o deseño, e a súa obra ten sido reproducida nun gran número de
publicacións de moi diversos lugares. En colaboración con Silvia Vilar Arias
ten unha longa, frutífera e recoñecida traxectoria na ensinanza do debuxo e da
pintura e na realización de obra gráfica, de encadernación artesá e de libros e
obxectos de arte en Lugo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario