O escáncer é
un réptil escamudo da familia dos ánguidos. Moi similar a unha pequena serpe, carece
de patas ou tenas moi reducidas. Poboador dos lugares avesíos e húmidos, adoita
abeirarse debaixo das pedras. Cando eu era cativo, tranquilizábame observar este
inofensivo animal de aspecto cru…
Macho de escáncer común. Imaxe tirada do blog Aves e natureza da Fonsagrada. |
A
lembranza do escáncer tráema dona Remedios de
Rochiña, a miña defunta bisavóa, natural de Trabada. Malia os seus
escasos estudos, esta lúcida e carismática señora medía moito as verbas —non en van, escribía poemas de
corte oral—, rematando
calquera conversación coa frase oportuna. As súas repentinas réplicas deixaban
fóra de combate ós interlocutores máis instruídos, como xa contei algunha vez no
semanario La Comarca del Eo.
“Comprei unha tea ben guapa pra un vestido”. “Moi ben! E de que cor é?”. “Pois non sei dicirche...”.
“Es ben ransoña, muller! A
tea é clara ou escura?”. “Non sei... É... da cor do escáncer”. Este excelente diálogo, protagonizado por dúas mulleres
de Santiso de Abres, téñollo escoitado á miña bisavóa, que viviu moitos anos no citado concello das beiras do
Eo, onde eu nacín.
A coloración
do escáncer é variable —os exemplares adultos desta especie
poden ser agrisados, amarelos ou pardos—, pro o seu ton sempre resulta apagado. Pois ben, penso que a
veciña da miña bisavóa, por moi iletrada que fora, sentenciou dun xeito verdadeiramente ocorrente a
conversación reproducida. Entendo que aquela tea tiña unha cor ambigua, e non se
caracterizaba nin por ser brillante nin por ser escura: coma o escáncer! Imposible
non lembrarse aquí daquela imaxe de Juan Ramón Jiménez: “(…) Imprecisa / como
sonrisa que se pierde en risa…”.
Remedios de Rochiña, xunto a dous dos seus bisnetos: María e un servidor. A fotografía foi feita en Santiso de Abres o 11 de setembro de 1995. |
En Santiso,
o esquecido escáncer
tivo os seus días de gloria grazas á elocuente Remedios de Rochiña, que repetiu ben veces —con actitude festiva— aquel diálogo. Se un sabe escoitar,
atopa a poesía mesmo debaixo das pedras.
[Artigo meu publicado onte en El Progreso de Lugo (edición da Mariña)]
No hay comentarios:
Publicar un comentario