Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo
Mostrando entradas con la etiqueta Retrato. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Retrato. Mostrar todas las entradas

domingo, 12 de julio de 2015

Acordes de tenrura

Chamábase Félix Menéndez e, durante vinte e seis anos, foi o exemplar bibliotecario da Veiga. Cando ía velo, o primeiro que facía Félix era poñer a súa man sobre o meu ombro e preguntarme pola miña nai. Tras eses sinais de cariño e confianza, o seu discurso non desembocaba en eloxios superfluos ou tautoloxías; el ía directamente á cuestión que máis nos concernía naquel momento: a preparación dun acto literario, ou a reflexión sobre unha exposición de pintura. Home dinámico, escéptico á hora de falar do seu futuro, sempre tiven a impresión de que, gozando de boa saúde —morreu repentinamente, dun infarto, en abril—, espremía todo o xugo do tempo. Así, nos momentos máis distendidos das nosas tertulias, Félix “era”, mentres un “estaba”. Ah, pero que ledicia estar ó pé dun home tan íntegro e xeneroso!
Félix Menéndez, nunha imaxe do seu Facebook.


Coñecín a Félix na nenez. Lembro perfectamente a primeira vez que entrei, coa miña nai, na biblioteca da Veiga, cuxo fondo é considerable. Daquela Mamá comezaba a traballar na exigua biblioteca do noso Santiso nativo, e xa disfrutaba da amizade de Félix. Eu, ó poñer os pés no espazo laboral deste cabaleiro, sentín que se me abría un mundo de infindas sensacións e posibilidades. Un mundo onde a nostalxia pode ser xubilosa, onde as emocións teñen música, onde a aventura é un fin...
Por suposto, Félix —que era filólogo hispánico— coñecía esas calidades salvíficas da literatura, pero, polo seu carácter xocoso, restáballe solemnidade á arte, algo que agradecía un cativo traveso e soñador de dinosauros.
Sei que volverei atoparme con Félix na miña infancia, porque todas as noites regreso a ela, farto da avaricia e da frivolidade coas que tropezo constantemente. Atoparémonos, por exemplo, no 99, nos ensaios pra o concerto de fin de curso da escola de música veigueña.
El poñerá a súa amable man sobre a miña cabeciña arroibada. Preguntarame —coma sempre— pola miña nai. E eu, seguindo o seu exemplo, non desperdiciarei o tempo: sentareime ó piano pra regalarlle uns acordes de tenrura. Ben os merece o meu fiel amigo. 
[Artigo meu publicado onte en El Progreso (edición da Mariña)]