Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo
Mostrando entradas con la etiqueta Santiso de Abres. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Santiso de Abres. Mostrar todas las entradas

martes, 9 de octubre de 2018

José Mediante

QUIZABES MELLOR que dicilo sería cantalo. Chamábase José Antonio Mediante Pereiro, e no noso Santiso de Abres natal (onde exercía de zapateiro) todos o coñecían polo seu primeiro apelido, Mediante. El e a súa muller —Elisa— coidáronme cando era moi cativo, e tratáronme coma un fillo, o fillo que nunca tiveron. Na súa zapatería, Mediante aprendeume a camiñar, do cal se sentía orgulloso. Si, ouvíndolle contar o relato dos meus primeiros pasos, calquera diría que obrara un milagre... O certo é que a moitos dos nosos veciños si lles parecía milagroso que un señor bébedo e impetuoso se volvera, nun repente, manso, vulnerable e tenro fronte a unha criatura descoñecida. 
Nado na aldea da Antigua, Mediante tampouco foi comprendido pola súa labrega familia, nin sequera nos seus últimos días; os tipos pintorescos —xa se sabe— van sendo cada vez menos nesta sociedade ridiculamente uniforme. Certamente, Mediante blasfemaba tanto ou máis que os outros homes santiseiros, pero se lle dicías unha frase amiga, a súa ollada volvíase limpísima, transparente. Imaxino que o ambiente extremadamente machista dun pobo tan afastado das cidades acabou por conferirlle un aspecto áspero, que en realidade cumpría as funcións dun parapeto, pois non coñecín a ningunha persoa máis nobre e xenerosa ca el. O meu amigo era, en fin, coma o toxo, que atravesa luvas e, ó mesmo tempo, acende, no luscofusco, os ollos do camiñante sensible. 

Eu era un pícaro falcatrueiro e ben observador. Foi Mediante quen me salvou da monotonía, quen atizou as miñas ensoñacións. Así, cando íamos ó horto que lle cedera meu avó, alí onde din A Redondela, o zapateiro subíame á súa carretilla, regalándome unha marabillosa viaxe polo campo. O aire enchíase de brancura ó acariñar a miña faciana, a única parte dun servidor que sobresaía dentro do devandito vehículo. Sen saber como expresala, eu tiña a sensación de que desembocabamos nun reino onde o tempo se suspendía; acolá non existían regras ou límites. No tránsito da Redondela á Granda ou a Robaín, a un faltábanlle ollos para retratar os animais (esquíos, donicelas, merlos, tordos, paporrubios, bolboretas…) cos que nos cruzabamos. Nunca un agasallo coma este —penso eu— lle foi feito a un neno.

(Artigo meu publicado en El Progreso de Lugo, 06/10/2018)

sábado, 3 de junio de 2017

Paco de Robaín

[Artigo meu publicado onte en El Progreso de Lugo]

O que amas permanece,
o demais é lixo.
(Ezra Pound)

        O santiseiro Paco de Robaín (meu avó materno) era agricultor, gandeiro e albeite vocacional. Curaba eficazmente, sen ánimo de lucro, as principais fracturas do gando —e, por extensión, dos veciños— mediante o entalizado, é dicir, embutindo a extremidade lesionada entre dúas táboas. Robaín, que tamén era hábil corrixindo os espiñazos, tomou nota das leccións do seu avó e da súa nai, e foi un paso máis aló axudando o sepultureiro da parroquia a exhumar cadáveres; esas experiencias permitíronlle coñecer ben as unións dos ósos. Ó morrer meu avó, languidece unha filosofía en contacto pleno coa natureza, na que non teñen lugar a usura e o egocentrismo, as maiores pragas do noso tempo. A xenerosidade de Paco non se limitaba ás colaboracións como curandeiro; case lle parecía mal que alguén marchase do seu casarío sen probar os chourizos ou o licor de guindas elaborados por el e pola miña avoa.
Paco de Robaín.


        Sendo ben distintos en moitos aspectos, o avó Paco implicábase tanto na miña travesía, que, cando estudaba en Madrid, ata chamaba por teléfono ó meu mellor amigo, o economista Muñoz Puigcerver, con quen compartía teito; bastáralle ver dúas veces a este mozo catalán para collerlle cariño. Sirva como homenaxe a Paco de Robaín —grande no meu corazón— o seguinte poema do trinque: “Nunca saíches do pobo,/ nunca tiveches a cobiza/ de coñecer mundo,/ mais fuches dono dun mundo/ ó que nunca terá acceso/ a caterva de modernos./ Nunca.// Ti ensináchesme/ o que ninguén me ensinara:/ os pulos do monte Sartán,/ o camiño a Trasdacorda,/ o vello carballo da Granda…/ Ti ensináchesme a botar en falta/ ós que aínda non emigraron./ Ti ensináchesme a dicir/ a i-auga, a i-alma, e xamais/ esquecerei de que maneira:/ co merlo na mirada.// Avó, fagamos un pacto/ —xa é hora de podar/ o alpendre do inverno—;/ avó, se ti soñas comigo/ e eu soño contigo,/ hemos de atoparnos/ no mesmo soño:/ ti falando/ de aceites esenciais/ e asistindo á miña festa/ de bicos e brincas…// E cando alguén me pregunte/ onde queda Robaín,/ direille que se lle dá a volta ó mapa,/ atopará o casarío/ no centro do mundo”.
O casarío de Robaín (en Santiso de Abres), onde servidor se criou.

martes, 16 de febrero de 2016

2000


Foi un dos veráns máis fermosos da miña vida. Paseino todo en Robaín, o casarío santiseiro dos meus avós maternos. Cada día era unha aventura... 



Vexo a fotografía, tomada uns días antes de que a miña tía avoa Elvira —xa falecida— volvese á Arxentina, e digo: Estes son os meus. Unha avoa cuxa calma amansa ós lobos. Un avó que apenas leu un libro e que, porén, coñece todos os misterios do bosque. Unha tía avoa cuxo engurrado rostro era o mapa da emoción... Estes son os meus. E eu, no momento da imaxe, non podía facer outra cousa que admiralos. Comezaba a deixar atrás a infancia, pro sentíame protexido ó pé deles. 

domingo, 20 de diciembre de 2015

A cor do escáncer

O escáncer é un réptil escamudo da familia dos ánguidos. Moi similar a unha pequena serpe, carece de patas ou tenas moi reducidas. Poboador dos lugares avesíos e húmidos, adoita abeirarse debaixo das pedras. Cando eu era cativo, tranquilizábame observar este inofensivo animal de aspecto cru… 

Macho de escáncer común. Imaxe tirada do blog Aves e natureza da Fonsagrada.


A lembranza do escáncer tráema dona Remedios de Rochiña, a miña defunta bisavóa, natural de Trabada. Malia os seus escasos estudos, esta lúcida e carismática señora  medía moito as verbas —non en van, escribía poemas de corte oral—, rematando calquera conversación coa frase oportuna. As súas repentinas réplicas deixaban fóra de combate ós interlocutores máis instruídos, como xa contei algunha vez no semanario La Comarca del Eo.

“Comprei unha tea ben guapa pra un vestido”. “Moi ben! E de que cor é?”. “Pois non sei dicirche...”. “Es ben ransoña, muller! A tea é clara ou escura?”. “Non sei... É... da cor do escáncer”. Este excelente diálogo, protagonizado por dúas mulleres de Santiso de Abres, téñollo escoitado á miña bisavóa, que viviu moitos anos no citado concello das beiras do Eo, onde eu nacín.

A coloración do escáncer é variable —os exemplares adultos desta especie poden ser agrisados, amarelos ou pardos—, pro o seu ton sempre resulta apagado. Pois ben, penso que a veciña da miña bisavóa, por moi iletrada que fora, sentenciou dun xeito verdadeiramente ocorrente a conversación reproducida. Entendo que aquela tea tiña unha cor ambigua, e non se caracterizaba nin por ser brillante nin por ser escura: coma o escáncer! Imposible non lembrarse aquí daquela imaxe de Juan Ramón Jiménez: “(…) Imprecisa / como sonrisa que se pierde en risa…”.

Remedios de Rochiña, xunto a dous dos seus bisnetos: María e un servidor. A fotografía foi feita en Santiso de Abres o 11 de setembro de 1995.




En Santiso, o esquecido escáncer tivo os seus días de gloria grazas á elocuente Remedios de Rochiña, que repetiu ben veces —con actitude festiva— aquel diálogo. Se un sabe escoitar, atopa a poesía mesmo debaixo das pedras. 

[Artigo meu publicado onte en El Progreso de Lugo (edición da Mariña)]

viernes, 25 de septiembre de 2015

A bañeira do Cochuego

En 2013 desapareceu de Robaín (o casarío santiseiro dos meus avós maternos) unha vella bañeira que utilizaban os meus familiares e algúns veciños pra lavar as tripas dos porcos. A bañeira repousaba onde din O Cochuego, unha leira que fica máis cerca da rúa —está xusto ó pé dela— que do fogar. Meus avós non denunciaron nin airearon o roubo. Sei que eles son conscientes da nimiedade que tería suposto, pra calquera de fóra de Robaín, a ausencia dunha bañeira aparentemente abandonada... Pro tamén sei que dar co ladrón tería minado o valor da epopea caseira. “Era unha gran bañeira, unha bañeira de fundición. Deberon de sacar uns cartiños vendéndoa…”, comentárame daquela o meu avó.
O Cochuego, leira pertencente a Robaín, casarío de Santiso de Abres. 


Viktor Shklovski (pai do formalismo ruso) teorizou sobre o “estrañamento”, técnica consistente en singularizar os obxectos. De acordo con Shklovski, o fin da arte é romper a habitual percepción automatizada dun obxecto, provocando así a súa visión mediante unha presentación anómala. É o que sucede, por exemplo, cando un poeta coloca unha tarteira fóra do seu contexto habitual —na cama, no xulgado, na igrexa…—. Aí, lonxe da inercia, o lector comeza a sentir por vez primeira dito utensilio. 
Dende que souben de Shklovski —tería eu 18 anos—, asocio coa bañeira do Cochuego un dos meus soños infantís: perdido no medio dun monte que hai preto de Robaín, desemboco nun urinario rodeado de xestas, respirando paradoxal intimidade naquel ámbito agreste. Tamén no ocaso da adolescencia descubrín a Magritte, e relacionei presto o seu provocativo surrealismo coa bañeira e co soño. Aínda hoxe divírtome imaxinando como o defunto pintor representaría o recipiente antes de que fose roubado… No cadro, a bañeira quizabes aparecería sobredimensionada, dominando o espazo (dese xeito pintara o propio Magritte algúns outros obxectos cotiáns, co fin de producir “estrañamento”). Unha bañeira xigante situada na leira, a carón da rúa: esa podería ser unha alegoría do prurito de exhibir, por medio das redes sociais, a nosa intimidade. 
A cámara de escoita (1958), cadro de René Magritte.


[Artigo meu publicado en
El Progreso de Lugo (edición da Mariña), 18/09/2015]

lunes, 14 de septiembre de 2015

Feitizo

Onte, conversando virtualmente cunha rapariga soñadora, escribín "preciosamente" en vez de "precisamente". Correxir o erro tería significado romper o feitizo.
[Santiso de Abres, 2014]

Brote da primavera santiseira de 2014. A imaxe tomeina en Robaín, o casarío dos meus avós maternos. Facendo a foto, lembreime daquel fermoso título de Proust: Á sombra das raparigas en flor.

lunes, 25 de mayo de 2015

A Santiso non chegou o cambio... pero chegará


Non puido ser; por moi pouca diferencia de votos —12—, non chegou o necesario cambio ó meu Santiso de Abres natal. Efectivamente, Santiso seguirá gobernado por Goretti Quintana (PP), o cal equivale a dicir que este concello asturiano continuará aferrado ó inmobilismo e á mediocridade nos próximos catro anos, como vén sucedendo desde 2003 —cando os populares, coa propia Quintana á fronte, entraron na alcaldía—. 

Eu estou orgulloso do home no que confiei: Clemente Martínez (PSOE). El trouxo a Santiso grandes ideas —o seu programa era moi renovador—. E, ademais, trouxo algo fundamental: a esperanza. O futuro de Santiso ten que estar nas mans de Martínez, pra que volva dunha vez o progreso e pra despedir o ambiente tenso, de crispación, que reina neste concello desde hai doce anos.

Clemente Martínez, na súa presentación como candidato á alcaldía de Santiso de Abres.

Sei que Martínez, acompañado de Córdoba e Parapar (os outros dous concelleiros do PSOE en Santiso), fará unha oposición firme. Eu confío plenamente nel, non só porque sexa o meu primo, senón porque sei da súa lucidez, da súa constancia, da súa honradez, do seu progresismo e da súa cultura. Pode pedírselle algo máis a un futuro alcalde? 

Gracias, querido Clemen, por traernos a luz. Conta comigo. Sempre. 

jueves, 21 de mayo de 2015

La "Señora azul" de Santiso

La letra de esta canción —que el maestro Rodrigo García escribió pensando en los críticos musicales mediocres— me recuerda a la inepta alcaldesa de mi Santiso de Abres natal, Goretti Quintana Rey (PP): 


SEÑORA AZUL
Señora azul, que sin contemplación,
desde la cima de tu dignidad
vas a imponer tu terca voluntad
y, con tu opinión, medir nuestro criterio.

Señora azul, que ciega la razón,
dejas sentir tu olímpico desdén;
es sugestión tu alarde de saber,
tu realidad es sólo confusión.
Tú no puedes apreciar con propiedad
el color de la cuestión,
porque desde la barrera sueles ver
toros que no son y parecen ser.
Señora azul, de vicio criticón,
sin dar la talla de profesional,
señora azul, ¡qué lastima nos das!:
la mediocridad está en tu corazón.
Tú no puedes apreciar con propiedad
el color de la cuestión,
porque desde la barrera sueles ver
toros que no son y parecen ser.
Señora azul,
señora azul, que sin contemplación,
desde la cima de tu dignidad
vas a imponer tu terca voluntad
y, con tu opinión, medir nuestro criterio.
Señora azul, sabemos tu intención,
la frustración que te hace obrar así;
señora azul, ¡qué lastima nos das!:
la mediocridad está en tu corazón. 

(Rodrigo García)