Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo

martes, 17 de enero de 2017

Bob Dylan/Nanci Griffith

Esta tarde soou en Radio 3 unha perla semioculta de Dylan, "Boots of Spanish Leather" ("Botas de coiro español"), na delicada versión country —que non coñecía— de Nanci Griffith. 

sábado, 14 de enero de 2017

Elías Ferreiro

Non son amante do Nadal, pois nesas festividades, polo menos en Occidente, acabamos levando ó extremo o consumismo que, desgraciadamente, xa nos define. Non obstante, gusto das reunións íntimas que propician esas datas ó amor do lume ou do café. Nas últimas festas, botei en falta a varios finados queridos. É o caso do chairego Elías Ferreiro, o meu primeiro mestre xornalístico, a quen coñecín precisamente cando fixen as prácticas neste periódico, no verán de 2010. Aterrei nas seccións que el coordinaba (‘España’ e ‘Mundo’), e decontado collimos confianza, compartindo dende aquela gratas viaxes pola xeografía galega con outro prezado compañeiro, o mariñán Javier Rivera. Intelixente, fiel, incorruptible, lacónico mais sempre coa verba xusta, por iso titulaba tan ben, Ferreiro parecía tirado dun ‘western’ crepuscular, deses que coñece magnificamente o noso colega Paco Abraldes. Súa podería ser, por exemplo, esta frase que pronuncia Billy o Neno no filme de Peckinpah: “Os tempos cambiarían, pero eu non”.

Elías Ferreiro e un servidor, en Cabo Ortegal (Cariño, A Coruña).


Realmente son poucos os días nos que non me lembro de Elías durante algún intre. E cando quedo con Rivera, da igual o tema que toquemos, sempre acabamos citándoo ou imaxinando que pensaría el sobre tal acontecemento. En outubro, un mes despois da súa morte, dediqueille un poema. Deixeino repousar, como fago con todas as miñas creacións líricas; e agora, na súa honra, quero que vexa a luz aquí, onde se non, neste xornal que conectou as nosas vidas para sempre e onde o mestre deixou un baleiro inmenso. Titúlase ‘Amigos: Elías Ferreiro’ e di así: “Un xersei, un feixe de folios/ en branco, un póster do Celta,/ o diploma dun cursiño/ e caramelos de eucalipto./ Foi todo o que atopamos/ baleirando os caixóns/ da mesa na que traballabas./ Pareceunos inxusto/ que tantas horas lúcidas/ puideran coller nunha caixiña;/ pero a sobriedade foi a túa marca,/ esa que admiramos sempre.// Ti sentenciabas: ‘O fútbol sala/ substituíu ó boxeo no corazón/ dos macarras’. Ti sentenciabas/ audaz, afiado e sorrindo./ Ti endexamais/ usaches crema antiolleiras;/ preferías que a pureza de Paula/ vernizase os teus sedimentos”. 

[Artigo meu publicado onte na edición da Mariña de El Progreso de Lugo]