Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo

viernes, 22 de octubre de 2021

AS SUTILEZAS DE CUNQUEIRO

Toda a gran literatura concrétase nos detalles. Sutilezas que poden pasar desapercibidas nunha primeira lectura, pero que, semántica e fonoloxicamente, enriquecen o texto. Así sucede na obra de Álvaro Cunqueiro, onde se reconcilian a realidade e a fantasía. Hoxe quixera salientar a riqueza de matices coa que o mindoniense describía as súas personaxes —sobre todo, as de cabelos loiros—, provocando no lector un intenso placer que disolve as rutinas. Poñerei dous exemplos ben elocuentes. En ‘Melle de Loboso’, semblanza incluída en ‘Escola de menciñeiros’ (1960), achamos esta metafórica frase: «A xente de Loboso é alta e roiba, e o pelo dourado das mozas é a única flor en toda aquela soidade». En ‘Rosa Martiño’, retrato pertencente a ‘Os outros feirantes’ (1979), o narrador omnisciente non pode precisar se a reloxeira protagonista naceu en Noia ou en Betanzos, pero lembra perfectamente, como non, que ós 12 anos era «unha mociña roiba, espigada, mui lucida de pernas, e sempre sorrindo». É a mesma Rosa que un tempo despois, en Bos Aires, xa feita toda unha muller, entoaría cantigas galegas, enfeitizando ós seus compañeiros de traballo.

Por certo, nun artigo recompilado en ‘Por el camino de las peregrinaciones’ (2004), Cunqueiro contou que os seus primeiros versos —«doloridos cantos de amor»— foron inspirados por unha nena roiba de Palas de Rei. Quizabes esa cativa de ollos celestes só existise na ficción, ou quizabes sexa en verdade o dano fecundante da obra de Cunqueiro… En calquera caso, a verba do mindoniense expande o noso maxín e acaríñanos o ouvido.