Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo

viernes, 14 de octubre de 2016

De ferro e fantasía

«Y llegó Pedro de Miranda con treinta de a caballo, que eran de tierra brava», escribiu Vasco da Ponte na Idade Media. O xenealoxista referíase á lucense Terra de Miranda, que debe precisamente o topónimo á fidalga estirpe da que descende o citado Pedro, alcumado O Ruín.

O sintagma «terra brava» —que despois o escritor Ánxel Fole aplicou ao Courel e ao Incio— dá unha idea fidedigna da escarpada xeografía mirandesa, pouco amable. Poboada de moito monte, esta comarca remánsase violentamente en ribeiras de augas cantoras, que intentan engalanar á saudable tropa de amieiros, bidueiros, chopos, salgueiros...

Historicamente vencellada aos bispados de Mondoñedo e Oviedo e ao mosteiro de Meira, a Terra de Miranda comunica o interior coa costa ribadense e o occidente asturiano. Un dos ramais do Camiño de Santiago ía ao son da serpeante fisionomía mirandesa. A ruta —tomada polos galegos do norte que chegaban ao porto de Ribadeo— aínda pode seguirse nalgúns tramos. O emblema do Apóstol —a concha de vieira— cobre a parte inferior de cada unha das cinco doncelas que presenta o prodixioso escudo de armas dunha das casas solares dos Miranda, no lugar pontenovés de Goios.

A Terra de Miranda semella a eses imperios esvaídos dos que saltan faíscas. Malia que se siga empregando con frecuencia, o topónimo perdeuse, a efectos administrativos, na zona. Unha mágoa, porque en latín a palabra ‘miranda’ denota «o que debe ser admirado», e a comarca luguesa, igual cá personaxe homónima de ‘A tempestade’ (Shakespeare), faille xustiza a esa definición, por ser rica en salmóns, ferro ou fantasía.

A xente da provincia asocia acertadamente a Riotorto coa Terra de Miranda, pero as lindes aproximadas da bisbarra nin sequera as coñecen moitos nativos. Nos últimos anos, por influencia dunha serie da TVG e da prensa, foi calando en toda Galicia a idea de que Mondoñedo non só forma parte da «terra brava», senón que ademais é a súa capital. Trátase dun equívoco, porque á cidade episcopal régana o Masma, o Valiñadares e o Tronceda, mentres que, como xa se aprecia nos mapas medievais, a bisbarra mirandesa é definida polo curso medio do Eo. De feito, durante varios séculos, o pai dos salmóns más vizosos, que marca a fronteira entre Galicia e Asturias, tamén foi coñecido como ‘río de Miranda’.

Xulio Pardo de Neyra, cuxa familia paterna é riotortega, publicou en agosto o ensaio ‘Eloxio da Terra de Miranda’. Segundo o estudoso lucense, na vella comarca non só entrarían os actuais territorios de Riotorto e da Pontenova —o concello chamouse Miranda outrora—, senón tamén os da Ribeira de Piquín e algúns lugares da Fonsagrada, como Llacín.

O prodixioso escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro viviu unha tempada, de neno, en Riotorto. Fuxindo do tifo, instalouse no pazo de Cachán, o berce da súa nai. A Cunqueiro marcouno aquela experiencia, de aí que literaturizase a bisbarra de ladeiras peñascosas en varios relatos pertencentes a ‘Xente de aquí e de acolá’ (1971) ou a ‘Os outros feirantes’ (1979), así como na súa primeira novela, ‘Merlín e familia’ (1955). Grazas ao narrador Felipe de Amancia, antigo paxe de Merlín, sabemos que o famoso mago chegara herdado a Miranda por unha tía segunda materna.

Como reflicten o mencionado libro de Pardo de Neyra e o documental ‘Miranda, mítica e real’ (realizado en 2013 por alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo), Cunqueiro partiu en gran medida de Riotorto para fundar o universo de ‘Merlín e familia’. O autor foi un pioneiro do realismo máxico en España, e en ‘Merlín e familia’ transmuta a contorna, igual có propio Merlín, quen, ao botar ao aire auga mesturada con «dúas ou tres gotas do licor que il chamaba ‘dos países’», conseguía que un vira o mundo da cor que quixera.



A casa de Merlín —«grande e ben tallada, con un balcón sober do camiño de Meira e solana á cara do sol»— lembra ao pazo de Cachán. Dende ela, Felipe de Amancia ouvía, cando corría o vendaval, «as badeladas do mazo dos ferreiros» do Vilar. Cunqueiro evoca aí o enxeño hidráulico do homónimo núcleo, na freguesía riotortega de Galegos.

Convén subliñar que en Riotorto existe unha magna tradición ferreira. Aquí fabricáronse moitas fouces para as segas de cereais en Castela; e, coma en Taramunde, o oficio aínda segue vivo. A forxa riotortega con máis sona é a de Ferreiravella, que, despois duns corenta anos en desuso, volveu abrirse en 2007, con vistas cara ao turismo.

Na primeira novela cunqueiriá, o «toxo da coroa do castro» remite ao riotortego Castro da Croa, que é o alimento máis proteico para o insaciable maxín dos nativos. Cunqueiro, no seu discurso de ingreso na RAG, falou sobre o mouro da pucha colorada que coida o tesouro (dous bois de ouro) desa fortificación celta. Aquí atopouse un brazal datado entre os séculos III e I a.C. que hoxe pode verse no Museo Provincial de Lugo.

Así mesmo, ‘Merlín e familia’ recende a faragullos, unha das sobremesas máis típicas de Riotorto. O mestre Flute (frautista da cámara de Lord Sweet) devecía por este manxar cuxa protagonista é á fariña de trigo, e ao que se lle pode meter polo medio anaquiños de torrezos; así llo preparaba ao músico Marcelina, cociñeira maior da casa de Merlín.

A cultura mirandesa do ferro alcanzou o seu máximo esplendor coa inauguración, en 1903, do ferrocarril Vilaoudriz-Ribadeo, coñecido popularmente como A Chocolateira. No corazón da actual Pontenova, os restaurados fornos de limonita testemuñan a industrialización, impulsada por unha sociedade vasca. Dende aquí, o tren —de vía estreita— percorría 34 quilómetros para transportar o devandito mineral, que, unha vez no porto ribadense, destinábase a Alemaña, Francia, Bélxica ou Inglaterra. Rentable nun primeiro momento —existiu o plan de prolongar a liña ata o Bierzo leonés ou Lugo—, o ferrocarril comezou a languidecer tras a Primeira Guerra Mundial, que cambiou o mercado dos minerais. A partir dese momento, A Chocolateira centraríase máis no transporte de mercancías, gando e madeira. Con todo, a explotación de limonita permaneceu aberta ata 1950. Catorce anos despois, o tren deixaría de funcionar; pero xa lle dera tempo a transformar a bisbarra dun xeito rotundo, traendo a brisa esperanzadora da costa e creando moitos postos de traballo, frenando así a emigración.

Aínda hoxe non poucos mirandeses lembran o penetrante pitido das locomotoras Borsing, fabricadas en Alemaña, así como aquel olor a fume de carbón e a graxa industrial requentada ao vapor. Os mozos e os turistas poden imaxinar esas sensacións percorrendo parte da ruta (o tramo entre A Pontenova e o concello asturiano de Santiso de Abres), pertencente ás Vías Verdes.

[Reportaxe miña publicada o 7 de outubro no suplemento 'D_finde' de 'El Progreso' de Lugo. As fotos que acompañaron ao texto son de Cristina Arias, J. Vázquez e M. Abraira.]

No hay comentarios: