Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo

viernes, 21 de junio de 2024

MADEIRA DE ACEBO

Cando era cativo, encantábame visitar a oficina de papá. Presidía o ambiente unha enorme fotocopiadora, que, para min, era unha máquina de facer maxia: o trasunto do mundo. Os segundos previos á saída da fotocopia vivíaos con gran emoción, imaxinando con que nitidez se reproducirían a imaxe e o texto (as letras románicas, cos seus adornos, presentaban un maior nivel de dificultade). Moito me gustaba aquel olor metálico e picante que desprendía a fotocopiadora!

Amontóanseme os recordos con motivo da xubilación do meu pai, Fernando Acebo. Durante as últimas tres décadas, papá desempeñouse como auxiliar administrativo no concello do noso Santiso de Abres natal. Non me cega a paixón filial ó dicir que foi un funcionario exemplar. Incontables veces vino atender fóra do seu horario laboral os veciños. Chamábano ao móbil mentres ía conducindo ("Fer, poderías facerme un favor?"), tocaban o timbre da nosa casa, espertábano da sesta —que para el é sacra—, e sempre respondía cun sorriso. Facía todo o que estaba na súa man para orientar ós santiseiros e facilitarlles os trámites burocráticos. 

Non tardei en darme conta de que papá, no seu ambiente de traballo, representaba todo o contrario a un arribista, o cal é moito dicir, tal e como están as cousas. Trataba da mesma maneira a un bolseiro, a un concelleiro, a un alcalde ou a un presidente autonómico. Era disciplinado pero non severo, por iso fixo grandes amigos nas oficinas. Lémbrome de cando Isabel Lastra pechou un exitoso ciclo como secretaria do concello de Santiso. Aquela tarde, ó volver do traballo, papá sentou nas escaleiras da nosa casa e rompeu a chorar. "Vou botar moito en falta a Isabel; xa nada será o mesmo sen ela", confesoulle a mamá. Nos anos 90 e nun contexto eminentemente rural, onde o machismo contaminábao todo, non era habitual que un home dese renda solta ás súas emocións, por iso esa escena impactoume e influíume moito.

Dicía papá, referíndose a Isabel, que unha excelente profesional é insubstituíble, pois o factor humano marca a diferenza no traballo. Esa tese podemos aplicala hoxe á figura do propio Fernando, quen xa goza dun merecido descanso. Poderán vir outros que o fagan igual de ben que el, pero non coma el. Papá fai honra ó noso apelido: é tan nobre coma a madeira do acevo. Estou seguro de que concordarán comigo os seus infatigables compañeiros (Isabel Lastra, Javier Corveiras, Asun Barthe ou Sheila Amor), os seus admirados alcaldes (Jesús Ferreiro, Tirso Miranda e Clemente Martínez) e, por suposto, os veciños máis agradecidos.

(Publicado en El Progreso, 21/06/2024).

No hay comentarios: