Ao
despuntar a aurora, o paporrubio póusase na rama máis alta da carballeira,
dende onde proxecta a súa melodiosa voz. "É coma unha frauta en
miniatura", dime unha amiga. Non deixa de sorprenderme como un paxaro tan
pequeno pode sobrepoñerse ao ruído. O canto é unha das ferramentas coas que o
paporrubio delimita e defende o seu territorio. A inconfundible mancha do seu
peito —que dá nome á especie— tamén constitúe un sinal de alerta para os seus
competidores. É unha bandeira vermella, nunca mellor dito. Se o intruso
persiste en quedar, o dominador do territorio iniciará unha loita encarnizada.
Teñamos en conta que, como explicou Félix Rodríguez de la Fuente no seu
programa 'El planeta azul' (TVE), o paporrubio é unha das aves máis agresivas
cos exemplares da súa mesma especie. Como carece dun instinto gregario, os seus
conxéneres son para el competidores na procura de alimentos. Se o paporrubio
non presenta unha conduta agresiva co carrizo, o ferreiriño ou o reiseñor, é
porque eses paxaros ocupan un nicho ecolóxico diferente.
Ao
paporrubio gústalle a compañía do ser humano: adoita aparecer cando retiramos a
terra do xardín, e non é raro que se atreva a comer da nosa man unha miñoca ou
unhas migas de biscoito. Resulta conmovedor como constrúe os seus niños nas
potas refugadas, nas regadeiras ou nas macetas; calquera cavidade lle serve a
este paxariño, que é, por certo, un eficaz controlador de pragas.
Por
mor do seu carácter confiado e da beleza do seu canto, o paporrubio goza dunha
simpatía especial entre os británicos; de feito, en 2015 escollérono como 'ave
nacional', por diante da curuxa e do merlo. Un ano despois, o paporrubio
protagonizou o anuncio de Nadal de Waitrose, a cadea de supermercados que
abastece ao rei Carlos III ou aos duques de Cambridge. Nesta adaptación
audiovisual do conto 'Volvendo a casa', debido a Michael Morpurgo, o paxaro
viaxa desde Suecia ata o Reino Unido, pero antes de reencontrarse coa súa
parella e cunha nena que o adora, deberá enfrontarse a diversos perigos
(tormentas, neve, depredadores...). Trátase dun fermoso vídeo no que a linguaxe
simbólica non anula as denotacións, senón que as complementa.
"O paporrubio é o meu criterio para a melodía", escribiu Emily Dickinson no século XIX. Cando corro polo bosque e escoito os chíos do paxariño, lémbrome da poeta estadounidense. Poderíase preparar unha antoloxía cos textos que lle inspirou a súa ave favorita. Sería unha exquisita 'plaquette'. Eu titularíaa 'Cando os paporrubios veñan', a partir dun verso da propia Dickinson.
Publicado en El Progreso (03/12/2024)
e Diario de Pontevedra (04/12/2024)
No hay comentarios:
Publicar un comentario