Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo

domingo, 20 de diciembre de 2015

A cor do escáncer

O escáncer é un réptil escamudo da familia dos ánguidos. Moi similar a unha pequena serpe, carece de patas ou tenas moi reducidas. Poboador dos lugares avesíos e húmidos, adoita abeirarse debaixo das pedras. Cando eu era cativo, tranquilizábame observar este inofensivo animal de aspecto cru… 

Macho de escáncer común. Imaxe tirada do blog Aves e natureza da Fonsagrada.


A lembranza do escáncer tráema dona Remedios de Rochiña, a miña defunta bisavóa, natural de Trabada. Malia os seus escasos estudos, esta lúcida e carismática señora  medía moito as verbas non en van, escribía poemas de corte oral, rematando calquera conversación coa frase oportuna. As súas repentinas réplicas deixaban fóra de combate ós interlocutores máis instruídos, como xa contei algunha vez no semanario La Comarca del Eo.

Comprei unha tea ben guapa pra un vestido”. “Moi ben! E de que cor é?”. “Pois non sei dicirche...”. “Es ben ransoña, muller! A tea é clara ou escura?”. “Non sei... É... da cor do escáncer”. Este excelente diálogo, protagonizado por dúas mulleres de Santiso de Abres, téñollo escoitado á miña bisavóa, que viviu moitos anos no citado concello das beiras do Eo, onde eu nacín.

A coloración do escáncer é variable os exemplares adultos desta especie poden ser agrisados, amarelos ou pardos, pro o seu ton sempre resulta apagado. Pois ben, penso que a veciña da miña bisavóa, por moi iletrada que fora, sentenciou dun xeito verdadeiramente ocorrente a conversación reproducida. Entendo que aquela tea tiña unha cor ambigua, e non se caracterizaba nin por ser brillante nin por ser escura: coma o escáncer! Imposible non lembrarse aquí daquela imaxe de Juan Ramón Jiménez: “(…) Imprecisa / como sonrisa que se pierde en risa…”.

Remedios de Rochiña, xunto a dous dos seus bisnetos: María e un servidor. A fotografía foi feita en Santiso de Abres o 11 de setembro de 1995.




En Santiso, o esquecido escáncer tivo os seus días de gloria grazas á elocuente Remedios de Rochiña, que repetiu ben veces con actitude festiva aquel diálogo. Se un sabe escoitar, atopa a poesía mesmo debaixo das pedras. 

[Artigo meu publicado onte en El Progreso de Lugo (edición da Mariña)]

No hay comentarios: