Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo

Bitácora de Héctor Acebo, poeta, periodista cultural y doctor en Periodismo.
-Correo: acebobello@gmail.com
-Instagram: @hectoracebo
-Twitter: @HectorAcebo

viernes, 25 de octubre de 2024

AS ENTREVISTAS DE MARÍA

Lémbroa absorta, na redacción central de 𝘌𝘭 𝘗𝘳𝘰𝘨𝘳𝘦𝘴𝘰, transcribindo as declaracións do entrevistado. Aquela ollada lánguida ocultaba un forte carácter. Malia que era un pouco reservada, María López Viñas e eu conectamos axiña. Axudou o feito de que compartísemos moitos referentes musicais e literarios. Por riba, ámbolos dous tiveramos como mentor ―en diferentes épocas― ao xornalista Javier Rivera.

Se un tema non lle motivaba, María redactaba a nota con certa desgana, para cumprir; pero cando lle impactaban a obra, a dialéctica ou a vida interior dos entrevistados, despregaba todo o seu arsenal expresivo. Así, moitas das conversas firmadas pola naronesa están cheas de matices. Vexamos dous exemplos. En 2018, Javier Urra explicáballe a María que algúns pais educan a clientes, non a cidadáns. El cliente tiene la razón, el cliente exige... Y eso es un problemón”, engadía o psicólogo clínico. Tirando do fío, a miña compañeira, moi sagaz, preguntáballe a Urra se son eses os nenos tiranos. A intervención da redactora dáballe pé ao autor de 𝘔𝘢𝘱𝘢 𝘴𝘦𝘯𝘵𝘪𝘮𝘦𝘯𝘵𝘢𝘭 para que detallase o conflito que sofren pais e cativos.

María entrevistoume en 2011, cando saíu do prelo a miña ópera prima, e titulou a peza xornalística deste xeito: “Héctor Acebo soña con fermosas raparigas en 𝘊𝘢𝘮𝘢𝘴 𝘥𝘦 𝘩𝘪𝘦𝘳𝘣𝘢”. Esa liña, que xoga co título do meu poemario, paréceme aínda hoxe un achado moi suxestivo; ademais, condensa admirablemente a parte final da reportaxe publicada en 𝘌𝘭 𝘗𝘳𝘰𝘨𝘳𝘦𝘴𝘰. Relendo ese titular, véuseme á mente aquel aforismo de Elias Canetti: “A rapariga que só se desviste baixo un cometa”.

María López Viñas ―Nela, como lle dicían no seu círculo íntimo― faleceu recentemente en Ferrol, vítima do maldito cancro. Tiña só 51 anos. Un queda coas ganas de coñecela a fondo.

(Publicado en El Progreso de Lugo, 25/10/2024).

No hay comentarios: